Friday 17 de May de 2024

O IET avanzará en 2016 no desenvolvemento da Estratexia da paisaxe galega e na implantación da infraestrutura de datos espaciais


O Consello reitor do Instituto do Estudos do Territorio, dependente da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, reuniuse hoxe en Santiago

O Instituto de Estudos do Territorio (IET), dependente da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, seguirá avanzando durante o 2016 no desenvolvemento e xestión da Estratexia da paisaxe galega, na implantación da infraestrutura de datos espaciais, e no seguimento dos instrumentos das Directrices de Ordenación do Territorio.

Así se contempla no Plan anual de actuacións do organismo, que foi analizado polo Consello Reitor do Instituto, que se reuniu hoxe en Santiago para facer balance do realizado durante o ano pasado e establecer os obxectivos de futuro.

Baixo a denominación de Atlas das Paisaxes de Galicia, está prevista a elaboración do Catálogo e das Directrices da Paisaxe. Actualmente, o Catálogo atópase xa en fase de exposición pública e xa se está traballando na elaboración das Directrices da Paisaxe. En concreto, estanse realizando 50 obradoiros participativos por toda Galicia, que se completarán con talleres específicos realizados por solicitude de asociacións, organismos e administración; e coa plataforma web a través da que calquera persoa, en calquera momento e lugar, poderá facer as súas achegas.

Cabe destacar que as normas recollidas nas Directrices da paisaxe, logo da súa aprobación, terán carácter vinculante para os instrumentos de planificación sectorial e urbanística.

Formación e divulgación
O Instituto continuará traballando na difusión do coñecemento en materia de territorio e paisaxe, un dos seus obxectivos estratéxicos. Unha das principais liñas de actuación neste eido é o programa Paisaxe e Sustentabilidade, elaborado polo propio IET, e que se integra no Plan Proxecta. Está dirixido a alumnos de infantil, primaria e ESO e busca desenvolver a capacidade de comprensión e interpretación das paisaxes e dos territorios próximos aos que habita o alumnado. Ademais, este programa serviu como base este ano para a introdución neste curso dunha materia de libre configuración autonómica, do mesmo nome, para os alumnos de ESO.

Ao mesmo tempo, o IET promove outras iniciativas de divulgación, como a web Somos Paisaxe, a organización de exposicións, ou a promoción de talleres e saídas de campo destinadas a escolares e público en xeral.

Xa por último, outro obxectivo fundamental do IET refírese á cartografía e coordinación da información territorial. Entre outros fitos, este ano está previsto iniciar a redacción e tramitación do Plan cartográfico de Galicia, que solucionará as deficiencias neste tipo de información e na coordinación á hora de obtela.